Saltar ao contido principal

A desfeita do peche perimetral de dúas das balsas mineiras volve deixar en evidencia as "garantías" de seguridade establecidas pola Xunta no Monte Neme

A finais de 2019 a Administración galega pagou a Tragsa en execución subsidiaria un total de 147.168 euros para, entre outras tarefas, instalar 1,5 quilómetros de malla metálica no perímetro desta zona da concesión “Reconquista”, que de pouco serviron ante a falta de vixilancia do complexo extractivo no cumio do monte, que mantén numerosos puntos de risco carentes das máis elementais medidas de protección.

Peche perimetral vandalizado no Monte Neme (Foto: Asociación Salvemos Cabana)
Nestas circunstancias, e ante a desatención do complexo, en absoluto sorprende a vandalización do mallado, que está permitindo a entrada a unha zona con noiros de gran altura que supoñen un perigo evidente para as persoas.

En 2019, a Xunta de Galicia empregou máis de 147.000 euros para, entre outras tarefas, valar o perímetro de dúas das balsas do complexo mineiro (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

INCUMPRIMENTO DA NORMATIVA APLICABLE

Un dos piares principais da Lei 3/2008, de ordenación da minería de Galicia, son as garantías previstas a través da existencia dunha función inspectora da Administración destinada a comprobar que os lugares extractivos cumpren coa normativa de seguridade. Neste senso, o artigo 46 establece, en concreto, a competencia autonómica ao dispoñer que:

“Corresponde á Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de minas, realizar as comprobacións necesarias e pedir a documentación e información necesaria para o seguimento e vixilancia […] así como comprobar o cumprimento da normativa mineira aplicable […] así como das condicións de seguridade de calquera outra actividade que utilice técnicas mineiras”.

Este precepto pon de manifesto que a Administración debe manter un control continuo sobre o cumprimento das normas de seguridade, realizando as inspeccións que sexan pertinentes e verificando, tantas veces como sexa necesario, o estado das instalacións.

A maiores, ademais das inspeccións puntuais, a lei prevé a elaboración de plans de inspección que permiten programar e sistematizar as actuacións de control sobre as explotacións mineiras. Así, o artigo 49 bis establece que a autoridade mineira debe elaborar plans específicos de supervisión:

“A consellería competente en materia de minas elaborará e aprobará plans de inspección das actividades mineiras incluídas no ámbito de aplicación desta lei.”

A finalidade destes plans é asegurar un coñecemento detallado do funcionamento das instalacións mineiras e das súas condicións de seguridade. Neste sentido, o propio artigo sinala que:

“Os plans de inspección […] serán os instrumentos directores para conseguir un coñecemento exhaustivo das actividades, establecementos, produtos ou instalacións mineiras […] así como do cumprimento de […] os requisitos regulamentarios e de seguridade mineira e industrial”.

PUNTOS DE RISCO CARENTES DE MEDIDAS DE PROTECCIÓN

A situación actual do Monte Neme é o resultado de moitas décadas de actividade extractiva que deixaron profundas cicatrices na contorna porque, logo do abandono da explotación, o lugar quedou marcado por enormes cortas e noiros abruptos, nalgúns casos de decenas de metros de altura, o que converte calquera caída nun accidente potencialmente mortal.

Os noiros nalgunhas zonas do Monte Neme teñen decenas de metros de altura (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

A pesar deste feito, que é sobradamente coñecido, numerosas zonas do complexo carecen das medidas máis básicas de seguridade, pois en moitos puntos, como no propio cumio, non existe valado, nin barreiras físicas, nin carteis de advertencia visibles, o que permite a calquera persoa camiñar libremente por zonas con risco de caída ou desprendemento.

No propio cumio do Monte Neme non existe valado, nin barreiras físicas, nin carteis de advertencia visible ante o perigo / Foto: Asociación Salvemos Cabana

A situación vólvese aínda máis preocupante se se ten en conta que o enclave se popularizou nas redes sociais e atrae visitantes que descoñecen os riscos. Na práctica, isto significa que persoas sen ningún coñecemento do terreo nin dos seus perigos percorren un antigo complexo mineiro cheo de estruturas inestables ante a máis absoluta pasividade da autoridade administrativa. É por iso que a falta de valado, sinalización e control non é un simple descoido, senón o síntoma dun modelo de xestión autonómico que reacciona tarde e actúa pouco ante as desfeitas ambientais.

UN MARCO XURÍDICO IGNORADO SISTEMÁTICAMENTE POLA XUNTA DE GALICIA

Sobre o papel, o marco xurídico da minería en Galicia incorpora instrumentos axeitados para garantir a seguridade das explotacións e dos espazos mineiros abandonados. Porén, no caso do Monte Neme demóstrase que a existencia de normas non abonda por si soa para evitar riscos, porque cando as inspeccións non se traducen en actuacións efectivas, cando os plans de restauración se atrasan durante anos ou cando a Administración intervén unicamente despois dos accidentes, todo o sistema de garantías perde a súa eficacia preventiva.

Neste sentido, o Monte Neme non é só un problema ambiental ou mineiro, senón un desgraciado exemplo das consecuencias que pode ter a distancia entre a lei e a súa aplicación real, revelando que a súa eficacia depende da vontade política, da dotación de recursos e da rapidez da actuación administrativa.

(9.3.2026)