O parque eólico Rego do Lobo afecta a unha especie en perigo de extinción e é incompatible coa protección da biodiversidade na Costa da Morte
A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana insta á Xunta de Galicia a emitir unha Declaración de Impacto Ambiental negativa ao proxecto de EDP Renovables, que prevé a instalación de aeroxeradores de grandes dimensións -200 metros de altura en punta de pa- entre os concellos de Muxía, Cee e Dumbría.
![]() |
| O caracol de Quimper (Elona quimperiana) é unha especie en perigo de extinción (Foto: Dominio público) |
Tras a análise da documentación sometida a consultas, a entidade considera que esta instalación enerxética suporía unha ameaza crítica e inasumíbel para especies faunísticas que na actualidade gozan dos máis altos niveis de protección legal, cuxa presenza na zona foi confirmada empiricamente sobre o terreo.
AFECCIÓN DIRECTA A UNHA ESPECIE EN PERIGO DE EXTINCIÓN
Un dos achados máis alarmantes do traballo de campo é a identificación directa, na contorna da poligonal, do caracol de Quimper (Elona quimperiana), que se trata dunha especie catalogada como «En perigo de extinción» de acordo coa lexislación autonómica do Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007). As labores de construción, os movementos de terra e a destrución do hábitat supoñen un risco directo e inxustificábel para a supervivencia desta poboación crítica.
Por outra banda, o estudo técnico confirma a presenza na área de 7 especies de morcegos, tres das cales se atopan ameazadas: o morcego das covas (Miniopterus schreibersii), catalogado como «Vulnerable» tanto a nivel estatal como autonómico; o morcego de ferradura grande (Rhinolophus ferrumequinum), «Vulnerable» a nivel estatal e autonómico; e o morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros), «Vulnerable» a nivel autonómico. Ademais, o informe constata que especies como o nóctulo pequeno (Nyctalus leisleri) e o morcego común (Pipistrellus pipistrellus) presentan un risco elevado de incidencias cos aeroxeradores proxectados.
Neste sentido é fundamental facer fincapé nun aspecto letal recoñecido pola propia empresa e ao que Salvemos Cabana xa fixo referencia na súa loita contra anteriores proxectos eólicos: o barotrauma, posto que as variacións de presión xeradas na zona de rotación das pas pode provocar a morte dos quirópteros, sufrindo un colapso interno sen que sequera sexa necesario que exista un choque físico coas pas en movemento. Tratándose de especies cunha taxa de reprodución moi baixa, calquera incremento na mortalidade deste tipo de especies tería consecuencias dramáticas para a súa viabilidade poboacional.
INVASIÓN DUNHA ZONA DE ALTA DENSIDADE DE LOBO IBÉRICO
O parque eólico pretende instalarse de cheo na «Zona 1» do Plan de Xestión do Lobo en Galicia, unha área clasificada de alta densidade de lobos (≥ 2,29 lobos/100 km²). Longe de ser unha área de paso esporádico, as cámaras de fototrampeo do estudo detectaron 25 capturas independentes de lobo (Canis lupus) ao longo do ano.
Documentouse unha considerable actividade e abundancia desta especie, o que suxire que a zona proporciona condicións moi favorables para a súa presenza e refuxio. O ruído, o tránsito de maquinaria pesada e a execución das obras poderían provocar a destrución das súas zonas de cría e o abandono temporal ou definitivo do territorio.
Hai que lembrar que recentemente o Canis lupus foi incluído na Lista Vermella Nacional de Mamíferos da Unión Internacional de Conservación da Natureza (UICN) na condición de «vulnerable», debido a que o número de individuos adultos que se calcula que habitan o territorio non permite asegurar a viabilidade da especie a longo prazo.
O lobo (Canis lupus) foi incluído na Lista Vermella Nacional de Mamíferos da Unión Internacional de Conservación da Natureza (UICN) na condición de «vulnerable», debido a que o número de individuos adultos que se calcula que hai no país non permite asegurar a viabilidade da especie a longo prazo.
OUTRAS ESPECIES DESTACADAS
Finalmente, e aínda que a promotora non a detectase na súa avaliación de campo, faise referencia á posible presenza de ra patilonga (Rana iberica), catalogada como vulnerable en Galicia segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) e tamén incluída no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE), baseándose nos datos do Inventario Español de Especies Terrestres (IEET) e do Servidor de Información de Anfibios e Réptiles de España (S.I.A.R.E.) para a cuadrícula UTM onde se ubica o proxecto.
Na mesma liña, a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), catalogada como vulnerable nos catálogos galego e español, aparece no inventario bibliográfico como unha especie con presenza potencial na zona.
CHAMADA A PRESENTAR ALEGACIÓNS
Ante as evidencias achegadas na documentación do proxecto, só se pode concluír que a viabilidade do parque eólico Rego do Lobo é incompatible coa protección da biodiversidade, máis tendo en conta os efectos sinérxicos e acumulativos con outros proxectos próximos.
Por todo isto, a asociación está preparando unhas alegacións ambientais que estarán á disposición do público e poderán descargarse en i.gal/alegaregodolobo a partir do vindeiro 10 de abril, e presentarse de maneira presencial ou telemática ante a Administración.
(22.3.2026)
