Política de escaparate no Dolmen de Dombate: o marketing barato do alcalde de Cabana non oculta a difícil convivencia do selo Starlight Costa da Morte cos parques eólicos e a pésima iluminación municipal
Ante a situación actual non cabe outra opción que erguer a voz fronte á hipocrisía e ao “marketing de fachada” que José Muíño Domínguez vén exercendo arredor do Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate, porque baixo o pretexto de defender o selo turístico de calidade do ceo nocturno o rexedor agocha unha xestión marcada polo seu apoio incondicional á invasión eólica do territorio e unha nefasta actuación en materia de iluminación pública nas parroquias que compromete seriamente a calidade do ceo nocturno.
![]() |
| Centro Arquelóxico do Dolmen de Dombate |
Neste senso, resulta inaudito que un alcalde que promoveu activamente a afección eólica da Costa da Morte, chegando a participar en xornadas públicas a favor do interese especulativo das grandes corporacións enerxéticas, pretenda agora erixirse en protector da luz das estrelas presentando o "Manual de miradoiros Starlight Costa da Morte". Porén, a realidade da súa xestión mídese con feitos, pois tres dos parques eólicos apoiados sen maiores reservas desde o concello (O Cerqueiral, Bustelo e Baralláns e Alto Torreiro) atópanse actualmente paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por graves carencias ambientais.
A incompatibilidade destes proxectos co selo Starlight non é unha mera opinión, senón un feito avalado pola ciencia. As últimas investigacións realizadas por especialistas demostran que a iluminación vermella de sinalización dos aeroxeradores xera un impacto devastador na escuridade natural do ceo. Estas luces parasitas son visibles na liña do horizonte nocturno mesmo a decenas de quilómetros, degradando a experiencia astronómica e turística que o selo Starlight supostamente garante. A isto, ademais, hai que sumar a pésima iluminación municipal de Cabana de Bergantiños, na que o alcalde apostou en diversos puntos pola instalación de farois LED de alta intensidade e luz branca fría, que son os que máis contribúen á contaminación lumínica e á dispersión de luz cara á atmosfera.
![]() |
| A instalación de farois led de luz blanca e alta intensidade multiplicou a contaminación luminosa no ceo nocturno (Foto: Asociación Salvemos Cabana) |
CONTRA O USO INTERESADO DO CENTRO ARQUEOLÓXICO DO DOLMEN DE DOMBATE
Tendo en conta todos os factores, cómpre esixir que cese canto antes o uso do Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate como ferramenta de propaganda do alcalde de Cabana (PP) a nivel municipal. Pola contra, a protección do patrimonio e do ceo nocturno require políticas coherentes, o fin do seguidismo ás multinacionais enerxéticas e unha reforma profunda da rede de iluminación para axustala aos estándares de protección ambiental, non meras operacións de maquillaxe para a galería.
De feito, esta dobre vara de medir resulta escandalosa, porque por unha banda se publicita a Costa da Morte como “Destino Turístico Starlight” pero pola outra instálase unha iluminación indebida e promóvese a industrialización do medio natural e dos montes con parques eólicos que fomentan a contaminación lumínica.
(17.3.2026)

