Saltar ao contido principal

A explosión da primavera destapa unha xoia botánica en Cabana de Bergantiños: a Dactylorhiza elata, unha das orquídeas silvestres máis fermosas da península ibérica, emerxe na Costa da Morte

A presenza desta especie, catalogada como “Case Ameazada” pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), lembra a importancia de protexer o territorio ao tratarse dun achado de gran valor ecolóxico cuxas poboacións dependen de hábitats fráxiles e escasos.

Exemplar de Dactylorhiza elata na parroquia de Cesullas (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

A Dactylorhiza elata -coñecida tamén como orquídea dos regatos ou satirión-, non sempre doada de ver, fixo acto de presenza este ano en pequenas poboacións nas parroquias de Cesullas, Canduas e Borneiro. Está considerada como unha das orquídeas máis fermosas da península ibérica e caracterízase por un porte esvelto e robusto; pode alcanzar ata os 50 centímetros de altura e presenta unha densa inflorescencia que amosa unha intensa e chamativa coloración púrpura durante a primavera.

A súa presenza en Cabana de Bergantiños, e por extensión na Costa da Morte, está estreitamente ligada á saúde dos ecosistemas acuáticos, xa que aparece nas marxes dos regatos, prados e xunqueiras que manteñen un alto grao de humidade estacional e actúan como auténticos refuxios climáticos locais.

Unha das curiosidades biolóxicas máis fascinantes desta orquídea é a súa estratexia de reprodución, pois non produce néctar, atraendo aos seus diversos insectos polinizadores mediante o engano visual, o que favorece ademais unha alta taxa de hibridación con outras especies do mesmo xénero cando coexisten no mesmo contorno, converténdoa nun motor evolutivo de biodiversidade.

UNHA ESPECIE NO RADAR DA UICN

A confirmación deste núcleo na Costa da Morte é especialmente relevante se atendemos aos criterios da UICN, pois a Dactylorhiza elata está catalogada na Lista Vermella da organización como Casi Ameazada, xa que a nivel europeo a especie está a experimentar un declive significativo, tendo caído as súas poboacións en máis dun 30% en países como Francia e Portugal. Por este motivo, a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana comunicou o achado á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

A conservación desta xoia botánica vese comprometida principalmente pola degradación dos seus hábitats húmidos, causada pola presión humana derivada da urbanización sen control, a eucaliptización e a drenaxe de zonas encharcadas, a canalización de cursos fluviais e as alteracións do réxime hídrico do terreo, como as provocadas pola instalación de parques eólicos sen valorar axeitadamente a idoneidade da súa localización.

A aparición de poboacións de Dactylorhiza elata en Cabana de Bergantiños é a sinal de que aínda existen paraxes en bo estado de conservación, pero tamén unha alarma silenciosa, pois se permitimos que as zonas húmidas da Costa da Morte continúen a degradarse ou desaparezan baixo a presión de usos incompatibles coa conservación da biodiversidade, perderemos un patrimonio xenético e paisaxístico irremplazable.

(31.5.2026)