Saltar ao contido principal

A planta de biogás da Laracha é incompatible coa protección do río Anllóns

Logo de analizar a documentación ambiental sometida a consultas por la Xunta de Galicia, a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana considera que a súa localización e características resultan claramente incompatibles coa protección e conservación do curso fluvial, verdadeiro eixo vertebrador da comarca de Bergantiños.

O río Anllóns, verdadeiro eixe vertebrador da comarca de Bergantiños, abraza ao mar en Cabana (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

A parcela escollida para a instalación limita polo seu extremo sur co leito do Anllóns, situando unha actividade industrial de xestión masiva de residuos nun contorno de elevada sensibilidade ambiental, o que supón un risco inasumible para o medio hídrico e para o equilibrio ecolóxico do río.

A planta prevé tratar ata 63.500 toneladas anuais de residuos, incluíndo xurros, lodos industriais e residuos de matadoiro clasificados como SANDACH, materiais cun elevado potencial de afección ambiental. A isto súmase a xeración prevista de 50.947 m³ anuais de augas residuais industriais procedentes da fracción líquida do dixestato. Por iso, cómpre ter presente que calquera fallo estrutural, vertedura accidental, erro humano ou episodio de choivas intensas podería provocar unha contaminación directa das augas superficiais do río Anllóns e afectar de forma grave á rede hidrográfica de Galicia-Costa.

Salvemos Cabana considera especialmente preocupante que unha instalación destas características se pretenda implantar na contorna dun espazo fluvial onde debería prevalecer, ante todo, o principio de precaución ambiental, porque a conservación do río debe situarse por enriba de intereses empresariais ou especulativos.

Ademais do impacto sobre o medio hídrico, non hai que esquecer outros impactos negativos asociados ao proxecto, como o incremento do tráfico pesado -estimado entre 25 e 30 camións diarios-, a emisión de olores e contaminantes atmosféricos, e a degradación da paisaxe rural e da calidade de vida das poboacións próximas. Ademais, tamén está a proximidade da planta á contorna protexida da Mámoa de Chousa Grande, así como os riscos inherentes ao almacenamento de biogás a alta presión nunha zona catalogada como de alto risco de incendios forestais.

Por todos estes motivos, a asociación valora o proxecto como incompatible co modelo de desenvolvemento rural e coa preservación ambiental da contorna do Anllóns. Neste sentido, a implantación dunha planta de xestión de residuos a grande escala destas características suporía unha transformación irreversible da paisaxe e unha ameaza para os valores naturais e culturais da zona.

A defensa do río Anllóns, cuxo leito abraza o mar en Cabana de Bergantiños, debe ser un criterio prioritario en calquera decisión administrativa. Por iso, hai que demandarlle á Xunta unha actuación responsable, preventiva e coherente coa protección efectiva do patrimonio cultural galego e co sentir maioritario da poboación, que rexeita a iniciativa.

(10.5.2026)