Salvemos Cabana pon a disposición da cidadanía un modelo simplificado de alegacións contra o proxecto da planta de biogás da Laracha
A asociación de defensa ambiental fai un chamamento á participación social durante o período de información pública, que remata o vindeiro 26 de maio, e reclama á Administración autonómica que prime o principio de cautela ou precaución ante un proxecto maioritariamente rexeitado pola poboación.
![]() |
| O acceso ás alegacións pode realizarse mediante código QR |
As alegacións sosteñen que a planta de biogás proxectada na Laracha podería provocar un deterioro significativo da calidade do aire e un impacto directo sobre a saúde pública debido ao tratamento de ata 63.500 toneladas anuais de residuos como xurros de vacún, lodos de conserveira e residuos de matadoiro. O documento advirte de que a carga, descarga e manipulación continua deste tipo de materiais altamente putrescibles xerará episodios periódicos de malos cheiros na contorna, ademais de emisións de gases contaminantes como óxidos de nitróxeno, amoníaco, sulfuro de hidróxeno, dióxido de xofre ou metano. Neste senso, as alegacións tamén alertan do risco derivado das posibles fugas estruturais deste tipo de instalacións, lembrando que estas fugas supoñen un problema na loita contra o cambio climático polo potencial xerador de efecto invernadoiro deste gas.
O escrito cuestiona ademais o impacto da instalación sobre o medio hídrico ao situarse a parcela xunto ao río Anllóns e contemplarse a vertedura de parte do efluente industrial tratado ao dominio público hidráulico. Segundo recolle o documento, a planta manexará grandes volumes de residuos líquidos e xerará máis de 50.000 metros cúbicos anuais de augas residuais industriais derivadas da fracción líquida do dixestato. As alegacións consideran que calquera fallo estrutural, vertedura accidental ou episodio de choivas intensas podería provocar unha contaminación grave das augas superficiais do río e da rede hidrográfica Galicia-Costa, ao tempo que advirten da posible presenza de trazas de nutrientes e contaminantes emerxentes que poderían non ser eliminados completamente polos sistemas de depuración.
Así mesmo, as alegacións denuncian unha afección directa sobre o patrimonio cultural ao situarse a planta a menos de 200 metros da Mámoa de Chousa Grande, dentro da súa contorna de protección legal. O documento sostén que a construción dunha infraestrutura industrial de máis de 9.300 metros cadrados, con movementos de terras e escavacións, suporía unha ameaza para a integridade paisaxística e arqueolóxica do enclave.
O texto tamén alerta do impacto derivado do incremento continuo de tráfico pesado, cunha previsión de entre 17 e 20 camións de gran tonelaxe diarios en fase operativa e picos máximos de ata 25-30 vehículos, o que, segundo as alegacións, incrementará o ruído, as emisións e o deterioro das infraestruturas viarias locais. A isto súmanse os riscos asociados ao tratamento e almacenamento de biometano a alta presión nun municipio catalogado como Zona de Alto Risco de incendios forestais e situado ademais a escasa distancia dunha industria clasificada baixo normativa SEVESO, o marco europeo que regula as instalacións que manexan substancias perigosas e que poden xerar accidentes graves con risco para a poboación e o medio ambiente.
Finalmente, o documento sostén que a macroplanta resulta incompatible co modelo de desenvolvemento rural e coa protección ambiental da contorna, ao proxectarse sobre terreos clasificados parcialmente como solo rústico de protección natural. As alegacións consideran que unha infraestrutura destinada a xestionar decenas de miles de toneladas de residuos industriais e gandeiros provocaría unha alteración irreversible da paisaxe e un prexuízo para actividades vinculadas ao turismo sustentable, á agricultura ecolóxica e á conservación do medio rural da zona afectada.
(14.5.2026)
