Salvemos Cabana rexeita o intento de reactivar o proxecto da mina de ouro de Corcoesto e alerta dos graves riscos do uso de cianuro
A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana expresa o seu rexeitamento rotundo ao anuncio da Xunta de Galicia de sacar a concurso dereitos mineiros que inclúen o xacemento de Corcoesto. Para a entidade, esta decisión supón reabrir un proxecto que xa foi amplamente contestado socialmente e que representa un modelo extractivo incompatible coa protección ambiental e o desenvolvemento sostible da comarca.
![]() |
| Protesta social contra o proxecto da mina de ouro de Corcoesto (Foto: Asociación Salvemos Cabana) |
Salvemos Cabana advirte especialmente do grave risco que implicaría o uso de cianuro de sodio nos procesos de recuperación do ouro. Este composto, amplamente utilizado na minería aurífera, é altamente tóxico e calquera fallo no sistema -filtracións, roturas de balsas ou verteduras- pode provocar unha contaminación severa de solos e augas, con consecuencias potencialmente irreversibles para os ecosistemas e a saúde humana.
Corcoesto nin pode nin debe converterse nun experimento de alto risco ambiental, pois a experiencia demostra que este tipo de proxectos levan aparellados perigos reais que non poden minimizarse con promesas técnicas ou garantías a futuro sobre o papel.
E non falamos dunha preocupación abstracta. En Belmonte de Miranda, a explotación aurífera do Valle-Boinás acumula un historial preocupante de verteduras non autorizadas, expedientes sancionadores e procedementos xudiciais. Segundo a información recollida pola Fiscalía do Principado de Asturias, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico instruíu tres expedientes sancionadores; dous deles remataron en resolucións sancionadoras, e o Ministerio Fiscal describiu verteduras de selenio, arsénico, cobre e cianuros fóra de autorización, ademais de solicitar unha multa de 20 millóns de euros e a suspensión da actividade ata acreditar o cesamento das accións contaminantes.
Neste sentido, Salvemos Cabana considera que a inclusión de Corcoesto neste novo plan especulativo para fomentar a minería metálica anunciado pola Consellería de Industria supón ignorar tanto a oposición social como as leccións aprendidas doutros proxectos semellantes. A asociación insiste en que o futuro do territorio debe construírse sobre actividades sostibles, respectuosas co medio ambiente e xeradoras de valor a longo prazo, non sobre explotacións de alto impacto e vida limitada. Por este motivo, insta á Xunta de Galicia a retirar o xacemento de Corcoesto de calquera procedemento de adxudicación mineira, así como a súa renuncia expresa a fomentar proxectos extractivos que contemplen o uso de substancias de alta toxicidade como o cianuro de sodio polas súas múltiples implicacións negativas.
(6.5.2026)
